Wednesday 15 de May de 2024

Finalizan os traballos para mellorar a accesibilidade peonil no treito que conecta a avenida de Monelos coa rolda Camilo José Cela, no Barrio das Flores


Esta intervención dá continuidade ao abano de melloras promovidas recentemente no distrito polo Goberno de Inés Rey. Entre elas, unha nova área de calistenia e a posta en servizo dunha base de BiciCoruña

O Concello da Coruña rematou esta semana os traballos para mellorar a accesibilidade peonil no treito que conecta o sector norte da avenida de Monelos coa rolda Camilo José Cela, na contorna do Barrio das Flores.

A intervención, promovida pola Concellaría de Economía e Planificación Urbana a través do servizo municipal de Infraestruturas, centrouse na beirarrúa que une as rúas Papoulas e Azucenas, onde se acometeu a renovación integral dos espazos de paso para os peóns. En primeira instancia, levouse a cabo a demolición do antigo firme nos accesos aos pasos peonís, onde se dispuxeron lousas podotáctis nos accesos desde as rúas Papoulas, Lirios e Camelias cara á avenida de Monelos e a rolda Camilo José Cela.

Xa a continuación, na segunda fase da intervención, o Concello instalou novas varandas metálicas entre a beirarrúa e os espazos verdes lindeiros aos bloques de edificios deste treito, co obxectivo de reforzar a accesibilidade das veciñas e veciños, así como a seguridade peonil.

A maiores, tamén se executaron melloras na marquesiña de bus urbano situada ao inicio da rolda Camilo José Cela, na beirarrúa dereita en sentido de entrada. Ademais, procedeuse á substitución do antigo mobiliario urbano. A este respecto, no treito inicial de Camilo José Cela tamén se habilitou una pequena área de lecer con novos bancos e arboredo, que se executou ampliando lixeiramente o treito de beirarrúa, a modo de saínte.

As melloras no Barrio das Flores: medidas inmediatas e tamén a futuro

Ao longo deste ano, o Goberno de Inés Rey incidiu no plan de melloras urbanísticas previstas no Barrio das Flores, que inclúe medidas a curto, medio e longo prazo.
En primeiro lugar, a finais de xuño licitáronse os traballos para construír a nova rede de saneamento no sector noroeste do barrio. Concretamente, entre a parte baixa da rolda Camilo José Cela e a avenida Salvador de Madariaga, unha intervención ideada para osixenar, ampliar e renovar o circuíto de augas residuais e pluviais na contorna.

Xa posteriormente, en xullo, habilitouse a primeira área deportiva de calistenia no barrio, situada na contorna do pavillón polideportivo municipal.
A continuación, a mediados de setembro, o Concello completou os traballos de instalación e activación da primeira base do servizo municipal BiciCoruña no Barrio das Flores, localizada na praza dos Freixos.

E por último, tamén en setembro, o Concello da Coruña licitou unha intervención financiada con fondos Next Generation: as obras para mellorar a accesibilidade na rúa Castiñeiros, que contempla a creación dun novo acceso peonil desde a avenida de Monelos. Ademais, neste enclave está previsto dotar dun novo paso ao bloque de vivendas da rúa Margaridas, a través da plataforma superior da rúa Castiñeiros. Nos traballos levarase a cabo un investimento de 206.150,73 euros. Unha vez que se adxudiquen, terán un prazo de execución de tres meses.